martes, 20 de diciembre de 2011

GALICIA. UN PAÍS POR FACER

Onte cumpríronse trinta anos do primeiro pleno do Parlamento de Galicia. Aleluia! Trátase dun logro en si mesmo: non houbo nunca un período similar de democracia, autogoberno e prosperidade. Foi unha administración a trazos xerais correcta: fixéronse escolas, hospitais e estradas, tres universidades onde había unha, unha televisión autonómica, unha administración omnipresente.
Pero non houbo un proxecto nacional. A Galicia autonómica foi unha construción maioritariamente conservadora de curto horizonte. Con procura de consensos nalgúns temas na primeira década, moi marcada pola intemperancia do nacionalismo. Cun vago rexionalismo nos seguintes quince anos, na era Fraga –na que o liderazgo de Beiras e a ausencia dun proxecto galego no PSdG alimentaron o crecemento dun nacionalismo que chegou a aspirar a gobernar-, na que este acabou por claudicar fronte ás élites locais e aos poderes provinciais. E no que agora Feijóo impulsa unha reformulación de aparencia máis moderna pero cunha dose menor de apego ao país na súa tradición e diversidade. ¿E o socialismo? Durante moito tempo ausente a vontade de gobernar Galicia, encastelado no ámbito municipal tan só durante a dirección de Touriño houbo o tempo de preparar un proxecto galego e aplicalo tendo á Xunta como instrumento –cun fraco ánimo transformador: por contentar a esas vellas élites decepcionou aos cidadáns e aquelas preferiron a unha dereita renovada-.
Interésame salientar hoxe o fracaso en acumular un notable capital político comunitario.  Un proxecto nacional exitoso consiste nun conxunto de consensos, transversais ás diferenzas políticas, unificadores da vontade social maioritaria. Pode rastrexarse en Cataluña ou, dun xeito moi mediatizado pola execrable violencia de ETA, no País Vasco, pese á desafección dun sector da cidadanía en relación co marco político. ¿Qué sucede en Galicia?
A corrente política nacionalista amosa unha deficiente integración no marco estatutario actual e a cerrazón conservadora empeceu un novo Estatuto de consenso na lexislatura pasada, que puidera realmente ser de todos.  Pero, sobre todo, en lista non pechada: non acadamos un consenso sobre o nome (Galicia/Galiza); sobre o himno (curto ou longo); sobre o status do idioma galego e a estratexia de normalización -máis alá dun breve interregno roto de novo polo partido popular-; sobre a organización territorial (¿qué facemos coas provincias, coas deputacións, coas áreas metropolitanas?); sobre a ordenación e protección territorial (¿cántas modificacións tivo a norma básica de urbanismo nos últimos anos?). Por non falarmos de aspectos que reflicten o peso das élites locais e a ausencia dun proxecto común: ¿unha estratexia  de especialización dos aeroportos?, ¿unhas infraestruturas económicas e eficaces ou duplicadas?, e así sucesivamente.
E, fronte a isto, a evidencia esmagadora de estarmos nun país pequeno e avellentado no que apenas explotamos as vantaxes da concentración da actividade e a poboación nun espazo limitado e diverso. A fonda e duradeira crise na que estamos vai poñer en evidencia os límites da xestión “provincial” do autogoberno. Unha oportunidade para construír por fin un proxecto nacional, respectuoso coa diversidade, pero que marca prioridades e concentra esforzos.

miércoles, 14 de diciembre de 2011

¿POR QUÉ GALICIA ESTÁ COMPORTÁNDOSE PEOR?

Estamos, todos, preocupados polo futuro. Que se decide nun marco máis amplo pero que ten perfís e consecuencias específicas en Galicia. A crise chegou un pouco máis tarde pero xa nos últimos trimestres presenta unha cara máis escura. Perdemos o diferencial positivo con España e, partindo dun nivel de desemprego menor, este crece a un ritmo máis intenso.  ¿Por qué se produce isto? Tres razóns básicas permitirán entender mellor o que sucede.
Algúns estudos recentes (Situación Galicia 2º semestre 2011, BBVA Research) insisten, con razón, na atonía dos mercados exteriores aos que diriximos boa parte da nosa produción industrial e de servizos. Estamos demasiado centrados no mercado español e no comunitario (sobre todo para o comercio exterior de bens). E ambos estarán en recesión, ou moi próximos a ela, no vindeiro ano. Afectaranos moito, por exemplo, o deterioro da situación económica en Portugal, do que recibimos un notable fluxo de visitantes (o segundo despois de España) e ao que destinamos sobre un 15% das exportacións externas.Para non falarmos do conxunto de España. Ademais, o perfil da especialización industrial complica a situación, pola alta dependencia de produtos moi procíclicos e dependentes das facilidades de financiamento como os automóveis e os barcos. As previsións europeas ou españolas para 2012 suxiren que poucos impulsos positivos podemos agardar dos mercados exteriores.
Convén introducir na análise un segundo compoñente da demanda: o gasto público. O seu peso no conxunto da economía é maior en Galicia que no conxunto de España, ao sumarmos todas as administracións e os gastos da seguridade social. Así, a inversión da conxuntura, desde unha política expansiva (en exceso) a unha política de axuste (con ritmos excesivamente agresivos) afecta diferencialmente máis en Galicia. Posiblemente a anticipación do axuste autonómico en investimento e consumo público nesta comunidade autónoma por efecto do ciclo político electoral explique o mal comportamento dos últimos anos. Temémonos que tanto na administración central (de seguro os investimentos; tamén, creemos, no número e salarios dos funcionarios e nalgúns aspectos da política social) como na local vai haber un gasto menor  en termos de produto interior bruto; e a administración autonómica poderá ao sumo manter a súa porcentaxe. O forte ascenso do endebedamento autonómico galego nos dous últimos anos é suficientemente explicativo da tensión das contas da Xunta de Galicia. As consensuadas previsións sobre o remate da liña do AVE a Madrid experimentarán un novo retraso, que nos levará á próxima década, de non mediar unha firme postura dos responsables institucionais galegos.
Por último, as dificultades do funcionamento do sistema crediticio. Tanto a principal entidade (NCG) en termos de cota de mercado como un actor secundario relevante (o Banco Pastor) amosan unha forte exposición inmobiliaria aínda non dixerida –como revela que o axuste de prezos sexa menor que no conxunto de España- e dificultades para facer fluír o crédito, concentradas como están na recapitalización. Os datos de evolución do crédito amosan un axuste máis marcado en Galicia que en España, dificultando a continuidade empresarial, o inicio de negocios ou as compras de bens de consumo duradeiro. Pasar o peso das más decisións bancarias ao conxunto da sociedade (a través do banco “malo” ou solucións parellas) ten un custe de oportunidade elevado dada a restrición do gasto público e só resulta aceptable se os accionistas das entidades saneadas asumen unha parte notable das perdas.

miércoles, 30 de noviembre de 2011

POR UNHA POLÍTICA DE FOMENTO DA GASTRONOMÍA EN GALICIA

Hai poucos días, durante un encontro internacional en Perú, algúns dos máis importantes cociñeiros do mundo subscribiron a declaración de Lima. Este escrito defende con rotundidade que a gastronomía é un compoñente esencial da cultura dun país. Expresa o xeito específico en que en cada tempo e en cada lugar unha sociedade resolve as súas necesidades alimentarias, a partir da relación coa natureza, cos recursos particulares que esta pon á nosa disposición, e das solucións culturais no tratamento dos mesmos que lle son propias.
Nos tempos modernos a capacidade creativa de grandes cociñeiros e a aplicación continuada de innovacións, sobre esa base cultural específica, permitiu enriquecer e ampliar ese legado.
Hoxe a calidade gastronómica non só ofrece satisfaccións e provoca emocións; ten un valor intanxible destacado, ao formar parte da imaxe de marca dun país e ao fomentar a exportación dos produtos locais;  inclúese ademais nos elementos da oferta turística, con programacións específicas.
Algúns países detectaron xa as posibilidades da situación, así como as súas esixencias. Da necesidade de combinar saberes academicamente contrastados no tratamento dos alimentos, para garantir a sostibilidade e a seguranza alimentaria, co imprescindible fomento da creatividade persoal e da disciplina empresarial. Da importancia de ampliar as barreiras do coñecemento nestes campos así como de difundir os novos saberes. Da pertinencia de institucionalizar as boas prácticas, para facelas pervivir e mellorar máis alá dos seus orixinais creadores. Abríndose ao mundo, e tendo a este como referencia.
Un exemplo recente é o Basque Culinary Center, no que colabora o mundo da alta cociña, a universidade e a empresa para por en marcha un complexo de educación, innovación e difusión da gastronomía, co apoio e a coordinación do goberno vasco.
¿Por qué non podemos en Galicia impulsar unha iniciativa similar? Contamos sen dúbida coas pezas precisas. Cos estudos universitarios en tecnoloxía dos alimentos, xestión no sector da restauración, saúde alimentaria e outros conexos. Con equipos de investigación punteiros en produtos do mar e da terra e da súa transformación. Co Centro superior de Hostelería de Galicia, que oferta formación de alto nivel de recoñecemento –por máis que precise a transformación en graos das actuais titulacións-;   Cunha disposición de recursos alimentarios recoñecida internacionalmente. Cunha oferta gastronómica de altísimo nivel, en progresión indiscutible.
Falta tan só o pulo e coordinación das enerxías dispersas por parte dos poderes públicos galegos para podermos dar un paso máis. A este déficit responde esta iniciativa parlamentaria. Que quere abrir un camiño, sen prexulgar o resultado final. O Centro Culinario de Galicia terá que contar co sistema universitario, cos grupos de investigación máis potentes, cos estudos de cociña máis respectados, cos grandes cociñeiros que hoxe ten Galicia, coa asociacións máis dinámicas. Pero a súa conformación concreta non está predeterminada e dependerá do compromiso e xenerosidade dos que se sintan interpelados. Do que si estou seguro é que, máis axiña que tarde, será unha realidade.

lunes, 28 de noviembre de 2011

AS TAREFAS DE RAJOY

O resultado das últimas eleccións xerais é incuestionable: unha vitoria clara do partido popular e unha disgregación do voto da esquerda, que leva ao partido socialista ao seu peor resultado desde 1982, e fragmenta a representación política no Congreso dos Deputados. É máis difícil precisar en que consiste ese mandato recibido por Mariano Rajoy.  En boa medida porque durante a campaña electoral coidouse de sinalar as liñas de acción do seu goberno, máis alá de vaguidades insubstanciais.
Algúns opinarán que nada disto importa: nas actuais circunstancias os cidadáns poden cambiar de gobernantes, pero non de políticas. Algo disto hai: a marxe de manobra é extremadamente estreita, dándose o paradoxo de que cando o poder dunha formación política é maior na historia da democracia española os grados de liberdade de que dispón son os menores.
Pero Rajoy corre o risco de atender ao urxente prescindindo do importante. Expliquémonos. Ven repetindo estes días que garante o cumprimento dos obxectivos de déficit en 2012 e 2013, o que supón unha redución dramática dos desequilibrios das contas do conxunto das administracións, do orde de 35.000 millóns de euros. As debilidades da área euro obrigan sen dúbida a ese relevante e complicado compromiso. Rubalcaba defendeu, infrutuosamente, unha abordaxe máis complexa: acordar en Europa un prazo un pouco maior para situarse no 3% de déficit sobre o PIB, un retoque do sistema impositivo para incrementar a recadación e unha redución dos niveis da administración que contivera o gasto a medio prazo. O que non evitaría os axustes pero si os mitigaría. O vencedor dos comicios privilexia a redución do gasto, estando todo en cuestión con só dúas liñas vermellas: as pensións e a sanidade. En todo caso cabe agardar unha severa dieta de adelgazamento dos investimentos públicos, unha taxa de reposición do emprego público próxima a O, unha menor contía das pagas extras dos funcionarios. Auguro que non será abondo e que polo tanto haberá actuacións sobre os ingresos e sobre partidas que de xeito resumido inclúense no gasto social.
Esas actuacións terán un efecto recesivo sobre a economía española, cando menos a curto prazo, agravando os problemas do mercado de traballo e, consecuentemente, os desequilibrios fiscais. Como o exemplo de Grecia explica a cura de austeridade pode levar ao paciente ao borde do colapso, de non complementarse con terapias de crecemento. De cumprírense as previsións sobre unha inminente recesión europea tampouco da banda das exportacións haberá boas novas. Salvo que as ansias de reelección de Merkel leven a modificar a política fiscal alemá nun sentido expansivo. O que esixiría unha previa solución da crise do euro, dándolle ao BCE os poderes disuasorios que os tratados non lle confiren. Veremos se é así, pois nada é seguro nesta conxuntura.
Rajoy, pois, ten a urxencia de sanear as contas públicas. Pero non debe esquecerse do importante: en primeiro lugar unha adecuada posición en Europa que favoreza o fortalecemento institucional da zona euro así como a adopción de políticas favorables ao crecemento en toda a área; e, no ámbito interno, un gran pacto a favor da competitividade exterior das producións españolas. Ambos aspectos están ligados. Seguramente a combinación entre tipos de xuros reais moi baixos e os diferenciais de produtividade e inflación nunha área con moeda única expliquen máis que ningunha outra cousa o nos perfil de crecemento nos últimos quince anos. Polo que a elevación constante dos niveis de produtividade, coa remuneración dos factores acompasada á mesma, debe ser unha prioridade de queremos crecer e crear emprego. De seguirmos na zona euro o recurso ás devaluacións competitivas non formará parte tampouco no futuro do arsenal de instrumentos disponibles.

miércoles, 23 de noviembre de 2011

BOAS NOTICIAS PARA FEIJÓO….DE CURTO PERCORRIDO

(PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO, 23 NOVEMBRO 2011)
Os resultados das eleccións do vinte de novembro son inapelables en Galicia, tanto como en España, confirmando os das últimas eleccións municipais e as sondaxes de opinión das últimas semanas[1].
O Partido Popular gaña cunha estratexia simple pero de enorme eficacia (hai que cambiar, isto non pode seguir así), reafirmando a hexemonía conservadora, xa manifestada nas eleccións locais. Supera lixeiramente o seu mellor resultado do ciclo, o do ano 2000 (maioría absoluta de Aznar) e sube un 10.6%; sitúase por riba do 50% nas catro circunscricións, distancia ao segundo partido en máis de 400.000 votos e á suma dos seus dous competidores en 220.000. Unha confortable marxe de seguranza para enfrontarse a futuras convocatorias, froito, ao noso entender, sobre todo da mobilización do voto conservador, que se mantivo en estado de alerta durante todos os anos de goberno Zapatero, debido a unha dinámica de intensa confrontación, exacerbada pola prensa afín. Pero tamén polo deterioro económico e social que se carga sobre as costas do goberno central e que permite un transvase limitado pero significativo de votos. A Xunta de Galicia ve salvadas as súas responsabilidades, indicando a ineficacia dunha acción opositora que non soubo até o momento explicar o papel de Feijóo no declive relativo de Galicia e no deterioro do noso limitado sistema de benestar. A mensaxe de Rajoy (o estado de benestar sostense con máis emprego) trunfou sobre a evidencia dos axustes en Galicia e a hipótese, creo que proximamente verificada, dun recorte duro en España.
O Partido Socialista experimenta un fenomenal batacazo, ao perder máis catro de cada dez deputados e un terzo dos seus apoios. Que se encamiñan, por orde de importancia, á abstención, a outras formacións políticas progresistas (singularmente Esquerda Unida), ao Partido Popular e aos votos brancos e nulos (que ascenden lixeiramente). Desde a vitoria de González a principios dos anos 80 só nas eleccións do ano 2.000 o nivel de apoio cidadán fora menor. Os electores non perdoan a viraxe de maio de 2010, a adopción dunha política de axuste que contraviña a liña previa, a cultura política e o discurso progresista de Zapatero. A renovada chamada de atención para facer as cousas doutro xeito é inapelable. O paralelismo co ano 2000 imponse. ¿Qué sucedeu nese momento? Que a oferta política no seu conxunto (líder, cadros, mensaxe,…) foi revisada –en Galicia, por certo, o proceso xa se iniciara dous anos antes, no Congreso de Ourense que elixiu a Emilio Pérez Touriño-. A tentación de perseverar no erro e agardar a que sopre o vento sería letal para unha estratexia que debe pasar por construír de novo ao Partido Socialista como referente central dunha esquerda con pés na terra e coa cabeza en Europa; socialdemócrata, galeguista, europeísta.
En Galicia o máis específico é o lento declive do BNG, que continúa coa súa tendencia descendente (-13%) e sitúase por vez primeira en quince anos por baixo da barreira dos 200.000 votos. Non é percibido como unha alternativa de esquerdas, nun momento de fuga do votante progresista da casa común socialista. A experiencia de goberno apagou a aura de opción alternativa; a grisura funcionarial da actual dirección confínao nos estreitos límites dunha opción resistencialista. Nun momento en que Cataluña e o País Vasco amosan un comportamento político singular, reintroducindo a cuestión nacional no debate político español, Galicia queda ao marxe, manifestándose a vaga conservadora con total intensidade. A debilidade do BNG e o seguidismo do PSdG explican o éxito da estratexia de Feijóo.
Pero no trunfo está a penitencia. O empeño de Feijóo en situar a Zapatero como fonte de todos os males déixao agora orfo de explicacións.¿Qué chivo expiatorio procurar cando, como é previsible, siga aumentando o desemprego ou teña que aplicar novos recortes en servizos sociais básicos? Porque, ademais, o peso relativo de Feijóo diminuíu considerablemente nos últimos tempos no esquema interno dos populares. De esperanza branca, urdidor de vitorias e vehículo con ar moderno de políticas conservadoras, a fundirse gris, tamén por erros propios, nun continxente nutrido de voces populares con presenza e poder. Difícil reclamar un trato especial nun momento de intensa apretura orzamentaria.


[1] Faremos unha análise sen datos de voto exterior, en número de sufraxios, de ciclo longo e centrada en Galicia

jueves, 17 de noviembre de 2011

ANATOMÍA DUNHA PERDA

(PUBLICADO EN ECO.REVISTA DO EIXO ATLÁNTICO, Nº 246, NOVEMBRO 2011)
Esta intensa e duradeira crise sistémica é un tsunami devastador que leva por diante todo o que non é impecablemente sólido. Cólase en todas as fendas para desfacer as xuntas frouxas e acabar por esnaquizar as estruturas aparentemente máis sólidas. Así sucede tamén en Galicia. Despois de tres anos, as dúas caixas de aforros, emblemas do poder financeiro local, disólvense nun banco do que detentarán unicamente unha participación minoritaria no capital, e o seu valor patrimonial, de acordo coas firmas de auditoría (tres) que realizaron o traballo para o Banco de España, é un pálido reflexo do que algunha vez foi. E o Pastor disólvese nunha entidade maior, da que en todo caso a Fundación Barrié seráo segundo maior accionista.
Para evitar confusións: este resultado non estaba predeterminado. O tsunami, por continuar coa metáfora, aproveita calquera debilidade para o seu labor de destrución. Pero, por centrarnos no caso español, os bancos (en conxunto) eran máis sólidos que as caixas (en conxunto). E algunhas entidades de aforro efectuaron unha prudente xestión dos anos da burbulla (Kutxa, Ibercaja, La Caixa, Unicaja, entre outras) o que lles permite sortear ben as ondas do temporal que a prolonga. Polo tanto, o final non estaba escrito . Foi consecuencia da interacción de decisións que adoptaron distintos axentes coa inversión da conxuntura que ten lugar en 2008. De relacións de poder determinadas e de incentivos inadecuados, basicamente, que emerxen cando unha crise sistémica desvela todas as debilidades.
As caixas de aforro (Caixa Galicia e Caixa Nova) eran cada unha a peza mestre do poder financeiro de elites locais (políticas, económicas, sociais), ás que servían financiando actividades e proxectos. Eses grupos de poder confiaron na pericia dos directores xerais que eran nelas primus inter pares e que acabaron por autonomizarse, con proxectos persoais máis ambiciosos. .O resultado actual certifica o fracaso desas elites, que non souberon conservar o seu corazón bancario.
Ao tempo, hai que constatar que os trinta anos de autonomía foron inútiles para exercer o control democrático das entidades sociais de crédito e aforro. O poder autonómico consentiu, nun pacto implícito con eses grupos dirixentes locais, que as entidades se situasen á marxe da súa tutela efectiva, facilitando a continuidade do reinado dos directores xerais. O único intento que houbo de modificar esta situación (2009) foi tardío e parcial. Pero sobre todo extemporáneo, cando a sorte estaba decidida porque o cancro da cobiza e a irresponsabilidade xa fixeran o seu solapado traballo de corrosión interna.
Na acción durante a burbulla inmobiliaria reside o núcleo da doenza que debilitará ate o extremo ás caixas galegas –e, até onde sabemos, tamén ao Banco Pastor-. Xustamente, en Galicia como noutros lugares, os Directivos das caixas prevalecían sobre o Consello,  acababan por ser decisivos na selección dos membros que o integraban e impoñían os seus intereses. Así, as caixas galegas, a diferenza das vascas, por exemplo, saíronse do seu territorio natural e da súa clientela tradicional, para perseguir aventuras financeiras, co obxectivo de manter posicións no ranking e elevar a taxa de rendemento.Nun mercado en crecemento sen control, un novo entrante capta unha proporción elevada dos clientes máis problemáticos, que as outras entidades refugan, sobre todo se as sucursais abertas deben amortizarse  en escasos meses; algo similar sucede coas promocións inmobiliarias. Así, as caixas (e tamén o Banco Pastor) entran a formar parte da economía de casino…. E acaban por cargar o seu balance con solos que agora nada valen, con promocións a medio construír e con vivendas que os seus propietarios non poden xa pagar, ambas cun valor de mercado moi por baixo do dos créditos concedidos..Todo isto mentres o supervisor miraba para outro lado e a comunidade autónoma renunciaba a exercer as súas funcións.

Da crise nacerá un novo sistema financeiro, de contorna aínda imprecisa. Seguramente máis concentrado,e, agardemos, mellor protexido fronte ao risco e cunha supervisión máis eficaz. En España temos algunhas certezas. As máis relevantes, que algunhas entidades sairán reforzadas, o modelo de caixas periclitou e as comunidades autónomas perderon capacidade de influencia. Santander, BBVA e Caixa Bank serán os axentes destacados do sistema, con capacidade para seguir medrando a costas de entidades con problemas -e baixa valoración-.
Pero tamén permanecen algunhas incógnitas. Sobre a capacidade de resistencia doutras entidades “de mercado”, de Bankia á resultante da absorción do Pastor polo Popular. Porque seguen a manter un alto risco inmobiliario e precisarán máis capital.
E tamén sobre o futuro da rede FROB, coa CAM, CatalunyaCaixa, Unnim e NovaCaixaGalicia, de momento. O fondo público desfarase nun prazo prudente da súa parte se os actuais xestores non son quen de atopar compradores para unha fracción substancial do capital nos vindeiros dous meses, garantindo o futuro da entidade. Toda opción que reforce o peso da caixa (convertida en fundación ) no capital do banco é interesante: porque permitiría ter un núcleo de control que garantise o mantemento da sede social en Galicia e elevaría a participación en beneficios para nutrir a obra social. Dada a valoración de NCG, ¿sería boa idea investir tres ou catrocentos millóns de euros con este obxectivo?

lunes, 14 de noviembre de 2011

O RESULTADO DAS ELECCIÓNS XERAIS EN GALICIA. UNHA ESTIMACIÓN A PARTIR DAS MUNICIPAIS

Este último fin de semana publicáronse diversos inquéritos sobre as eleccións do vindeiro domingo. Para Galicia hai unha coincidencia nas tendencias de fondo con discrepancias nas asignacións provinciais de resultados ou escanos. Coinciden no forte ascenso da marca popular, no descenso intenso do PSdG-PSOE e no mantemento, cunha certa tendencia á baixa, do BNG.
¿Pódense utilizar os resultados das eleccións municipais para pronosticar os resultados nas eleccións xerais[1]? Facemos abstracción dalgúns problemas metodolóxicos  e tomamos os resultados desde 1997, con seis eleccións xerais (máis a próxima) e sete eleccións municipais.
Para cada unha das series (municipais e xerais) calculamos o incremento que ten lugar entre dúas eleccións  (municipais (1,0), municipais (2,1), …; xerais (1,0), xerais (2,1), … ) para cada partido, co que obtemos dúas novas series de  taxas de variación (municipais, xerais), cada unha con seis valores, para cada partido. Despois establecemos una medida simple, como o coeficiente de correlación. Pois ben, os valores do coeficiente de correlación oscilan entre un mínimo do 0,7 para o PSdG e un máximo do 0.86% para o PP. En principio, parece que ambas series están ben relacionadas. A continuación efectuamos unha estimación lineal do incremento nas eleccións xerais (y) en relación coa taxa de variación na elección municipal inmediatamente anterior (x) para cada partido.  Os resultados son os que aparecen no cadro adxunto.
PP
0.66101598
PSdG-PSOE
2.18269483
BLOQUE
1.46784039

Observamos a maior estabilidade do Partido Popular, que ten nas eleccións municipais un territorio máis propicio (resultado inferior a 1) para os cambios. E a gran variabilidade do voto socialista nas xerais, en que amplifica as taxas de variación dos comicios locais previos.  
Pois ben, a continuación estimamos, coa taxa de variación de voto das eleccións municipais de 2011, a que debería producirse nas eleccións xerais de manterse constante a relación calculada. O resultado é o que aparece a continuación
Nº VOTOS
% SOBRE VAL
T. VARIACIÓN
PP
854 581.03
48.45
5.52
PSdG-PSOE
521 975.82
29.59
-30.45
BLOQUE
160 282.76
9.09
-24.59

A verdade é que os resultados son plausibles, e globalmente coincidentes cos inquéritos publicados. Indican un ascenso limitado do Partido Popular e un intenso descenso das formacións progresistas. A suma en porcentaxe dos votos dos tres partidos, bastante por baixo do 90% apuntaría a unha subida dos votos expresivos de esquerda e dos votos en branco.


[1] O que desexe ir ao grao, que acuda directamente aos párrafos do final, en que aparecen os resultados, nun cadro, e unhas mínimas reflexións.

miércoles, 9 de noviembre de 2011

SECUELAS DO DEBATE 2: A ECONOMÍA DE RAJOY

O diagnóstico da situación económica que ofrece o candidato conservador á Presidencia do Goberno de España sorprende pola súa simplicidade, aínda que cabe outorgarlle o mérito dunha notable eficacia comunicacional: o causante da crise é Rodríguez Zapatero e as súas políticas nefastas. De querermos avanzar algo máis, detectamos catro elementos: un gasto público excesivo, gastando o que non se ten; unha fiscalidade demasiado elevada; unha insuficiente flexibilidade no mercado laboral e en outros àmbitos, o que resta competitividade ao tecido empresarial; e a seca do crédito, que non se atribúe a causa algunha pero da que tamén se fai responsable ao goberno actual, por ter sido escasamente dilixente na reestruturación do sistema financeiro.
Como explicación das causas e da anatomía da crise son argumentos atendibles só nunha mínima parte. ¿Podía ter sido máis formiga e menos cigarra o goberno Zapatero? Sempre é posible, pero ten no seu haber os primeiros superávit fiscais da democracia e un control da débeda pública que nos colocou entre os máis saneados de Europa…até o estalido da crise e a burbulla inmobiliaria. Polo tanto, os déficit enormes dos últimos tres exercicios son unha consecuencia da crise nunha proporción importante e non causa da mesma. E de decisións voluntaristas nun grado menor, pero que respondían en calquera caso a unha vontade global (todos os países desenvolvidos) para sortear a caída no precipicio que se abría baixo os pés: unha política imprescindible, alentada por gobernantes de todo o arco político. Era, en 2009 e 2010, o “sentido común” tan caro a Rajoy. Notemos ademais que este postulado conservador é contraditorio co segundo (impostos demasiado elevados) e coas demandas concretas que realiza (por exemplo, non conxelar as pensións diferentes das mínimas, cun custe do entorno dos 1500 millóns de euros).
¿Podía ter feito Zapatero máis reformas? Sen dúbida, é preciso construír mercados máis eficientes –compatibles coa protección de dereitos básicos- e algunha oportunidade perdeuse nestes anos, pero, de novo, non son estas rixideces as causantes da crise. ¿Podíase ter reestruturado antes o sistema financeiro? Polo que vamos coñecendo, a dixestión abrupta dos 200.000 millóns de euros de créditos ao sector inmobiliario en formas diversas podía ter acabado como o rosario da aurora; aínda que o Banco de España emitiu sinais contraditorios e até inicios do pasado exercicio non deu signos de comprender a magnitude do problema.
En canto ás solucións esbozadas, a pedra basilar da saída da crise no modelo conservador é a restauración da confianza, que, hipoteticamente, produciría por si soia a presenza de Rajoy na Presidencia do Goberno de España. A universalización das dificultades na nosa contorna, para gobernos de todo signo político, debería facernos contemplar con reservas máximas este mecanismo. Que debemos desentrañar na súa operativa concreta. Ten asociados dous mecanismos, a recuperación do investimento privado e a austeridade.
A segunda está nas maos do goberno –até certo punto-. Resulta inevitable, ademais, de proseguir coa consolidación fiscal pactada na Unión Europea, que Rajoy non discute. En dous anos será preciso, só na administración central, reducir ao redor dun 3% do PIB –tendo en conta a desviación que seguro se producirá este ano-. Para dármonos unha idea, aproximadamente a metade do gasto público en sanidade de todas as administracións. O candidato conservador asegura que non tocará sanidade e educación (o gasto reside en máis dun 90% nas comunidades autónomas, a promesa é doada) e parece fiar todo a unha reestruturación da administración (organismos autónomos, axencias, empresas públicas) que a experiencia indica que xerará aforros no medio prazo –e tamén provoca gastos-. Algunha propostas, como a referida ás televisións autonómicas, situarán o aforro nas facendas descentralizadas, cando teña lugar. Se, ademais, pon en marcha as rebaixas fiscais prometidas (como a restauración da desgravación por vivenda, que a maior parte dos expertos critican ou retoques en sociedades), só unha combinación do parón en obras públicas, practicamente total, a privatización dunha parte substancial do sector público empresarial que funciona (dos aeroportos ás axencias de noticias, de loterías á consultora de enxeñería) permitirá achegar recursos a curto prazo. E non abondará. A actuación sobre os gastos de persoal será unha tentación irresistible.
¿Funcionará a cura de austeridade? Algúns estudosos, como, Alesina, defenden os seus efectos positivos para o crecemento, pero a evidencia empírica é moi limitada e a maior parte dos economistas seguen considerando que é o gasto público o que funciona (o seu equivalente, reducir a imposición mantendo o gasto público é tamén eficaz pero menos). Reducir o tamaño da administración e a súa implicación na actividade económica provocará a curto prazo un agravamento das tendencias recesivas da economía española, escribindo un conto da leiteira á inversa do candidato Rajoy: menos actividade, menos emprego, menos ingresos públicos,….
Queda tan só o segundo mecanismo: a restauración da confianza. O que no fondo significa fiar toda a estratexia á recuperación do investimento empresarial. ¿Por qué van os empresarios investir notablemente máis porque Rajoy estea en Moncloa se as perspectivas da demanda privada continúan igual, se os mercados de exportación estáncanse, se cae a demanda pública, se o crédito ten as mesmas dificultades para fluír? Sería unha sorte de economía do milagre. A referencia á experiencia do primeiro Aznar esquece que a recuperación da economía mundial estaba en marcha (o motor puxérono outros) e a liberalización do solo, xunto á redución dos tipos de xuro derivados da falsa expectativa de estabilidade impulsada polo euro, acenderon a mecha da burbulla inmobiliaria. Nada disto está presente agora.
En suma, existe unha enorme dificultade para atopar a racionalidade das receitas económicas de Rajoy; e polo tanto debemos preocuparnos se a súa política efectiva corresponde con elas e aínda máis se só serven para tapar un programa oculto que non se somete ao escrutinio público.

martes, 8 de noviembre de 2011

SECUELAS DO DEBATE: A ECONOMÍA DE RUBALCABA

No recente cara a cara entre os principais candidatos á presidencia do goberno de España a economía ocupou a metade do tempo, como non podía ser doutro xeito. Pero intuio que é difícil saber para o cidadán común, despois de seguir con atención o espectáculo televisivo, en que se diferencian as propostas de cada partido, máis alá dunha maior concreción de Rubalcaba e dunha evanescente e edulcorada oferta de Rajoy. Explicar esas diferenzas é o obxectivo da actual e seguinte contribución, comezando pola do candidato socialista.
Rubalcaba parte dun diagnóstico correcto, aínda que cunha dose insuficiente de autocrítica, e esboza un camiño de saída complicado no que o papel do sector público é central. A conxuntura actual defínese como unha crise de demanda, suscitada pola explosión dos desequilibrios financeiros internacionais e as súas consecuencias nunha economía española que baseou o seu dinamismo nunha burbulla inmobiliaria alimentada por un endebedamento excesivo. Até aquí, ningunha obxección. A crise do crédito (inicialmente internacional pero logo enquistada localmente) e a queda libre da promoción de vivendas explican boa parte da destrución de emprego así como as dificultades das finanzas públicas, en todos os planos de goberno. Considero a autocrítica de Rubalcaba (“non soubemos pinchar a burbulla, xerada pola lei de vivenda do goberno Aznar, a tempo”) unha miga insuficiente ao deixar sen reposta preguntas relevantes: ¿por qué non se produciu un maior aforro público nos anos de bonanza para preparar o período de vacas fracas? ¿por qué non houbo maior decisión na creación dunha oferta alternativa ás vivendas, afincada na manida economía do coñecemento?,  ou ¿por qué en vez da reforma fiscal en profundidade prometida en 2004 optouse por rebaixas selectivas de impostos, de dubidoso efecto redistributivo?
Coa demanda familiar polo chán (desemprego elevado, salarios e outras rendas en descenso, efecto pobreza); coa demanda para investimento privado en profunda depresión, polas difíciles perspectivas dos diversos mercados internos; e coas exportacións limitadas polas tenues perspectivas de crecemento dos socios comerciais máis relevantes (europeos), tan só o sector público   pode facer consistentemente de motor. Esta é a solución central proposta, na máis pura liña keynesiana. Non é moi diferente, por exemplo, do que propón Obama e boicotean os republicanos. E trátase dunha solución acertada, por máis que non deba evitar actuar decididamente sobre os factores de competitividade empresarial e incidir na composición da cesta de bens que producimos.
 En todo caso, Rubalcaba tamén entende actuar sobre a oferta de crédito, con medidas ao meu entender de efectividade limitada (como a transformación do ICO nun banco), e sobre a contratación, abaratando sensiblemente o custe inicial do emprego para Pemes e autónomos. Algo ben encamiñado pero que só funcionará plenamente de recuperarse a demanda e fluír mellor o crédito .
¿Onde está o problema? En que temos esgotada a capacidade de endebedamento público e a mera confianza en incrementos dos ingresos impositivos por unha recuperación económica, como propón Rajoy, lévanos ao punto de partida, nun círculo vicioso irresoluble. Por iso o candidato socialista utiliza tres instrumentos adicionais: Europa, novos ingresos, axuste de gastos mediante a racionalización administrativa.
En Europa de novo, ao meu modo de ver, unha proposta ben orientada pero insuficiente. A dulcificación do calendario do axuste (retrasar dous anos a chegada ao 3% de déficit público), que hai que pelexar en futuros cumios europeos, debería ir acompañada dunha toma de posición máis radical sobre a política económica do euro. Reformulando os obxectivos do Banco Central Europeo para que inclúa a estabilidade financeira; influíndo nunha política monetaria máis expansiva –unha inflación moderada axudaría a saír do beco sen saída no que estamos-; e cunha política de modernización a escala europea para fomentar o crecemento: a Unión Europea como tal non está endebedada e debera facilitar a saída do pozo das economías máis débiles.
En canto aos novos ingresos, ben polas propostas formuladas (Grandes fortunas, substituíndo a Patrimonio; Beneficios bancarios; retoque en impostos especiais) pero debera completarse cun compromiso de reforma en profundidade do sistema fiscal, para equilibrar en renda traballo e capital, para revisar a tributación de profesionais e rendas mixtas, para modernizar sociedades, eliminando deducións de dubidosos efectos, para actuar con decisión sobre a fraude fiscal, etc. Hai que botar o resto aquí porque é a clave da recuperación respectuosa coa cohesión social: dotar ao sector público de renovada fortaleza financeira.
E por último, completamente de acordo co axuste mediante a racionalización dos niveis da administración, como eu mesmo propuxera hai algún tempo, eliminando as deputacións(http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Tomar/Gonzalez/serio/elpepiautgal/20110713elpgal_7/Tes). Pero haberá que facer máis, por exemplo adaptando a estrutura do goberno á distribución efectiva de competencias do estado das autonomías, por exemplo racionalizando o mapa de concellos. Sabendo que eses procesos só producen efectos a medio prazo.
Por tanto, só os novos ingresos fiscais permiten unha acción a curto prazo que dependa de decisións adoptadas no ámbito español. E a confianza na acción do sector público é a pedra sobre a que Rubalcaba constrúe a súa oferta económica.

jueves, 3 de noviembre de 2011

DÉBEDA E COHERENCIA

A débeda pública da administración autonómica de Galicia estase convertendo nun dos elementos máis relevantes do debate sobre a política económica do Goberno Núñez Feijóo. Primeiro, os datos. Galicia mantivo unha porcentaxe de débeda sobre o PIB de entre o 9 e o 10% entre 1995 e 2001, substancialmente por riba da media das comunidades autónomas, o que se explica, entre outras causas, pola más rápida asunción de competencias das comunidades históricas. Na última lexislatura de Fraga Iribarne iníciase xa unha tendencia descendente, mentres que a media das CCAA estabilízase, reducíndose o diferencial a 1.2% de puntos PIB. Xa co Goberno Pérez Touriño esta pauta refórzase e cando é substituído a débeda acumulada sobre o PIB é en Galicia do 7% e no conxunto das Comunidades Autónomas  un 7,1%.  O Goberno progresista reduciu a débeda en termos de PIB e só aumentou 600 millóns de euros en valores nominais.
A partir de marzo de 2009, co novo Goberno Núñez Feijóo, prodúcese unha inversión abrupta da pauta anterior, cunha elevación substancial da débeda en termos absolutos (3.000 millóns de euros máis en apenas dous anos e medio, até os 6.923 millóns de euros) e en relación co PIB (até o 12.4%, o valor máis alto de toda a historia de Galicia). Certo, a un ritmo intenso similar á do conxunto das comunidades autónomas.  As previsións publicadas indican ademais que até finais de 2011 e durante o exercicio de 2012 subirá a débeda en máis de 1.026 millóns de euros, máis que duplicando nunha lexislatura a débeda acumulada  (Plan económico-financeiro de reequlibrio 2011-2013 e Orzamento 2012).
Teñamos en conta que estas cifras non inclúen os compromisos xa adquiridos a través dos proxectos de Participación Público- Privada. Algúns proxectos de infraestruturas procedían do goberno anterior, pero a maior parte, do orde de 2/3 dos 3069 millóns de euros son froito de decisións do goberno Feijóo (Autovía da Costa da Morte e Concesión de Obra pública do Hospital de Vigo). É verdade que unha parte dos gastos asociados a proxectos de colaboración Público- Privada cobren os custes dos servizos que deberán prestar os concesionarios (579 millóns de euros no caso do Hospital de Vigo), pero tamén que unha parte do custe e o risco asociado á construción é cuberto por esta vía. Non están incluídas tampouco as devolucións de anticipos de financiamento autonómico que a Comunidade autónoma terá que devolver nos próximos anos (do orde de 2.600 millóns de euros adicionais).
Esta pauta suscita dúas reflexións. Unha de orde económica e outra política. ¿É sostible? ¿É coherente coas posicións políticas conservadoras?
Digamos de entrada que non son cifras dramáticas en si mesmas, en canto ao nivel acadado. Xa hoxe a débeda acumulada (incluída a Participación Público- Privada) é máis alta que o gasto autonómico. Pero o preocupante é a alta taxa de crecemento: nos últimos dous anos e medio a un ritmo do 25% anual de incremento, tendo en conta só a rexistrada polo Banco de España, A este ritmo duplícase en pouco máis de tres anos.
Non vai ser posible que a débeda siga a aumentar a este ritmo de querer cumprir cos requerimentos do Pacto de Estabilidade. E como os ingresos vía transferencias de capital que proceden da Unión Europea van cando menos a reducirse de xeito sensible a partir do ano 2013 podemos colexir que os investimentos da Comunidade Autónoma van estar baixo mínimos nos vindeiros anos.
Porque a peor noticia procede da incapacidade de xerar un aforro corrente de certo porte. Xa nos orzamentos iniciais a redución é intensísima, con cifras de só dous díxitos nos últimos exercicios. E nos orzamentos liquidados a situación é aínda peor, dependendo que exista un aforro positivo de axustes contables. E, polo tanto, o previsible incremento da carga financeira asociada á débeda nos próximos exercicios (entrada na fase de pagamentos da Autovía da Costa da Morte e do Hospital de Vigo, posible elevación dos tipos de xuro en termos nominais e reais, aumento da débeda total), sobre todo de emprender unha estratexia de redución  do capital total debido., terá que dar lugar a un axuste en ingresos (á alza) ou no gasto corrente, xa moi recortado polos axustes dos últimos exercicios.
Recollemos pois os dous principais problemas asociados á intensidade de acumulación de débeda nos últimos tres exercicios: a seca no financiamento dos investimentos nos próximos anos; e a dificultade de acomodar nun orzamento xa axustado a maior carga de servizo do endebedamento sen afrontar de verdade a aplicación dunha política de austeridade.
¿E en termos políticos? Pois chama a atención que esta estratexia ao Gadarllón na que está embarcado o Goberno Feijóo sexa compatible cunha retórica  contraria, que denuncia os excesos de gasto das restantes administracións e os perigos do endebedamento acelerado. Keynesianismo vergonzante e mal aplicado, con retórica do neoliberalismo. Esa é a receita Feijóo. Que só vale para unha lexislatura