miércoles, 28 de marzo de 2012

UNHA REFORMA LABORAL DESEQUILIBRADA

O desemprego de masas seguirá sendo un grave problema social en España e en Galicia nos vindeiros anos, revelando a continuidade das dificultades económicas. Por moi ben que vaian as cousas –e poden ir mal- entraremos na vindeira década aínda cun nivel de paro por riba do existente no 2007. Polo tanto, o “mercado” de traballo amosa, desde unha perspectiva económica, graves deficiencias: non hai unha senda rápida de recuperación do equilibrio. ¿Por qué?
O diagnóstico do Goberno de España, implícito na reforma laboral en tramitación, pousa sobre a excesiva rixidez dos salarios e das condicións laborais. Dado que non hai un axuste abondo nos prezos (salarios), prodúcese nas cantidades (contratacións). A solución, tamén implícita, pero que se deriva claramente do texto da reforma, é simple: se hai unha deflación salarial significativa os empresarios poderán competir, co que contratarán máis traballadores, etc. O abaratamento do custe do despido facilitará as contratacións ao ter menos custe os erros ou a adaptación a condicións económicas cambiantes. Na nosa opinión unha versión renovada do conto da leiteira.
Esta argumentación ten unha certa credibilidade porque parécese a un proceso necesario na economía española nesta conxuntura. Só se parece. Debemos recuperar competitividade fronte ao exterior, o que significa que os salarios deben evoluír por baixo dos incrementos de produtividade. Por certo, recuperámola xa desde o inicio da crise e o acordo acadado entre empresarios e sindicatos hai poucos meses permitía intensificar este proceso nos vindeiros exercicios –acordo invalidado de facto pola reforma-. Quizais por esta razón a balanza comercial española está xa próxima ao equilibrio (descontando os rubros enerxéticos).   
Pero esta formulación indica que é posible actuar sobre cada un dos dous elementos da relación: o nivel salarial ou a produtividade. A reforma incentiva ao empresario a centrarse na primeira, por múltiples vías. As máis relevantes, pero non as únicas, son seguramente, a primacía outorgada aos convenios de empresa fronte aos do sector –favorecendo a competencia intrasectorial, que é a relevante, vía salarios e condicións de traballo- e as facilidades para o descolgue dos convenios –o que, combinado coa situación laboral traducirase nun rápido deterioro das condicións de traballo-. Camiñamos cara un menor nivel salarial. É difícil que non sexa esta a vía privilexiada de actuación.
¿E a produtividade? Convén distinguir entre o curto prazo e períodos máis longos. De xeito inmediato continuará o axuste vía cantidades (menos empregos), ao facilitarse e abaratarse tanto o despedimento individual como as solucións unilaterais (ERES non pactados), cun crecemento conxuntural da produtividade do traballo, incluída a substitución de traballadores “máis caros” por xóvenes máis económicos e subvencionados.. Agravando unha situación de desemprego que atopa as súas explicacións tamén na reconversión do complexo construción, nas dificultades de acceso ao crédito, na consolidación pública e no estancamento dos mercados europeos.
Nun prazo medio e longo os incentivos van por outro lado. Non vemos impulsos a centrase na mellora da produtividade. O contrato de formación é unha fórmula de precarización do emprego xuvenil. A dualización do mercado laboral, seguramente o seu principal problema, verase agudizada.
O problema central da reforma é que quebra o equilibrio precariamente conseguido nas relacións laborais, fomentando a individualización das relacións e, en todo caso, os acordos no ámbito da empresa (sempre que teña máis de 6 traballadores). Debilita de xeito notable a negociación colectiva –e con ela aos sindicatos-.É así unha opción extrema, que elimina o adxectivo “social” da economía de mercado, reescribindo de feito a Constitución neste ámbito. A ollada ao modelo alemán, sempre tan dependente da concertación, indícanos en que medida nos alonxamos dos mellores exemplos da Europa que trunfa.
O mercado de traballo é especial. Porque a mercancía que se negocia nel é inseparable das persoas que portan a capacidade de traballo. Cando establecemos de xeito permanente un mecanismo de depresión salarial estamos determinando o lugar que ocupamos na división internacional do traballo e o nivel da compoñente salarial do consumo.

jueves, 8 de marzo de 2012

A BANCA GALEGA, DE NOVO NA ENCRUCILLADA

(PUBLICADO EN LA VOZ DE GALICIA, 8 DE MARZO DE 2012)
A trepidante mutación do sistema financeiro en Galicia nos últimos tres anos colócanos de novo diante doutra encrucillada. NG Banco  ten só dúas opcións: ou consegue importantes achegas de capital que aseguren a súa continuidade como operador independente ou entrará na rolda de fusións prevista polas autoridades financeiras españolas, quedando ao sumo como unha marca vernácula dun gran grupo.
Dando por suposto a solvencia, parécenos mellor a opción que garante a independencia da entidade.Por tres razóns básicas.
Primeiro, por unha cuestión de poder. A reestruturación do mapa das finanzas en España está presidida pola lóxica da centralización. O Banco de España non ocultou a incomodidade que lle producían as competencias das comunidades autónomas na tutela e regulación das caixas de aforro. Ademais, as solucións adoptadas privilexiaron a busca de tamaño. Como consecuencia, Madrid, sobre todo, e en segundo lugar Cataluña concentran máis poder financeiro que antes, quedando só versos soltos noutras áreas (País Vasco, Aragón, Andalucía). Ter ou non unha entidade con raíces en Galicia non debería sernos indiferente, pois os bancos son nódulos decisivos dese sistema nervioso tan ramificado que é o tecido económico. Se están ben regulados e administrados son elementos de estabilidade e impulso e concentran funcións de alto nivel no universo da economía.
Segundo, pola relevancia da contar con traxectorias diversas. O Banco Pastor entrou a formar parte do Banco Popular (fusión por absorción). Preferimos que no outro gran operador propio que sobrevive en Galicia a solución sexa distinta para experimentar un camiño alternativo. Nun contexto tan incerto como o que padecemos, ten valor podermos dispor de opcións variadas, o que reduce o risco. Non desprecemos esta baza.
Terceiro, polos efectos sobre a competencia. Calquera fusión posible de NG Banco supón sumarlle á súa hexemónica presenza en Galicia o peso dun gran grupo español. Mentres que a súa permanencia independente facilita a elección entre un número superior de opcións para os cidadáns, as empresas e as administracións de Galicia.
Agardemos entón que as xestións emprendidas desde a dirección de NG Banco dean os seus froitos rapidamente. Facilitemos tamén a entrada de pequenos e medianos aforradores e a elevación da porcentaxe de capital de NovaCaixaGalicia. Con solvencia, a pervivencia dunha entidade autónoma, coas raíces (o mercado) e a cabeza (a sede social) en Galicia é a mellor das alternativas.
E reivindiquemos diante das autoridades españolas un tratamento neutral. ¿Por qué só están dispostas axudas públicas en forma de esquema de protección de activos cando se producen fusións? Deberían aplicarse cando garanten un proxecto viable para una entidade. Rajoy ten a palabra.