martes, 20 de diciembre de 2011

GALICIA. UN PAÍS POR FACER

Onte cumpríronse trinta anos do primeiro pleno do Parlamento de Galicia. Aleluia! Trátase dun logro en si mesmo: non houbo nunca un período similar de democracia, autogoberno e prosperidade. Foi unha administración a trazos xerais correcta: fixéronse escolas, hospitais e estradas, tres universidades onde había unha, unha televisión autonómica, unha administración omnipresente.
Pero non houbo un proxecto nacional. A Galicia autonómica foi unha construción maioritariamente conservadora de curto horizonte. Con procura de consensos nalgúns temas na primeira década, moi marcada pola intemperancia do nacionalismo. Cun vago rexionalismo nos seguintes quince anos, na era Fraga –na que o liderazgo de Beiras e a ausencia dun proxecto galego no PSdG alimentaron o crecemento dun nacionalismo que chegou a aspirar a gobernar-, na que este acabou por claudicar fronte ás élites locais e aos poderes provinciais. E no que agora Feijóo impulsa unha reformulación de aparencia máis moderna pero cunha dose menor de apego ao país na súa tradición e diversidade. ¿E o socialismo? Durante moito tempo ausente a vontade de gobernar Galicia, encastelado no ámbito municipal tan só durante a dirección de Touriño houbo o tempo de preparar un proxecto galego e aplicalo tendo á Xunta como instrumento –cun fraco ánimo transformador: por contentar a esas vellas élites decepcionou aos cidadáns e aquelas preferiron a unha dereita renovada-.
Interésame salientar hoxe o fracaso en acumular un notable capital político comunitario.  Un proxecto nacional exitoso consiste nun conxunto de consensos, transversais ás diferenzas políticas, unificadores da vontade social maioritaria. Pode rastrexarse en Cataluña ou, dun xeito moi mediatizado pola execrable violencia de ETA, no País Vasco, pese á desafección dun sector da cidadanía en relación co marco político. ¿Qué sucede en Galicia?
A corrente política nacionalista amosa unha deficiente integración no marco estatutario actual e a cerrazón conservadora empeceu un novo Estatuto de consenso na lexislatura pasada, que puidera realmente ser de todos.  Pero, sobre todo, en lista non pechada: non acadamos un consenso sobre o nome (Galicia/Galiza); sobre o himno (curto ou longo); sobre o status do idioma galego e a estratexia de normalización -máis alá dun breve interregno roto de novo polo partido popular-; sobre a organización territorial (¿qué facemos coas provincias, coas deputacións, coas áreas metropolitanas?); sobre a ordenación e protección territorial (¿cántas modificacións tivo a norma básica de urbanismo nos últimos anos?). Por non falarmos de aspectos que reflicten o peso das élites locais e a ausencia dun proxecto común: ¿unha estratexia  de especialización dos aeroportos?, ¿unhas infraestruturas económicas e eficaces ou duplicadas?, e así sucesivamente.
E, fronte a isto, a evidencia esmagadora de estarmos nun país pequeno e avellentado no que apenas explotamos as vantaxes da concentración da actividade e a poboación nun espazo limitado e diverso. A fonda e duradeira crise na que estamos vai poñer en evidencia os límites da xestión “provincial” do autogoberno. Unha oportunidade para construír por fin un proxecto nacional, respectuoso coa diversidade, pero que marca prioridades e concentra esforzos.

miércoles, 14 de diciembre de 2011

¿POR QUÉ GALICIA ESTÁ COMPORTÁNDOSE PEOR?

Estamos, todos, preocupados polo futuro. Que se decide nun marco máis amplo pero que ten perfís e consecuencias específicas en Galicia. A crise chegou un pouco máis tarde pero xa nos últimos trimestres presenta unha cara máis escura. Perdemos o diferencial positivo con España e, partindo dun nivel de desemprego menor, este crece a un ritmo máis intenso.  ¿Por qué se produce isto? Tres razóns básicas permitirán entender mellor o que sucede.
Algúns estudos recentes (Situación Galicia 2º semestre 2011, BBVA Research) insisten, con razón, na atonía dos mercados exteriores aos que diriximos boa parte da nosa produción industrial e de servizos. Estamos demasiado centrados no mercado español e no comunitario (sobre todo para o comercio exterior de bens). E ambos estarán en recesión, ou moi próximos a ela, no vindeiro ano. Afectaranos moito, por exemplo, o deterioro da situación económica en Portugal, do que recibimos un notable fluxo de visitantes (o segundo despois de España) e ao que destinamos sobre un 15% das exportacións externas.Para non falarmos do conxunto de España. Ademais, o perfil da especialización industrial complica a situación, pola alta dependencia de produtos moi procíclicos e dependentes das facilidades de financiamento como os automóveis e os barcos. As previsións europeas ou españolas para 2012 suxiren que poucos impulsos positivos podemos agardar dos mercados exteriores.
Convén introducir na análise un segundo compoñente da demanda: o gasto público. O seu peso no conxunto da economía é maior en Galicia que no conxunto de España, ao sumarmos todas as administracións e os gastos da seguridade social. Así, a inversión da conxuntura, desde unha política expansiva (en exceso) a unha política de axuste (con ritmos excesivamente agresivos) afecta diferencialmente máis en Galicia. Posiblemente a anticipación do axuste autonómico en investimento e consumo público nesta comunidade autónoma por efecto do ciclo político electoral explique o mal comportamento dos últimos anos. Temémonos que tanto na administración central (de seguro os investimentos; tamén, creemos, no número e salarios dos funcionarios e nalgúns aspectos da política social) como na local vai haber un gasto menor  en termos de produto interior bruto; e a administración autonómica poderá ao sumo manter a súa porcentaxe. O forte ascenso do endebedamento autonómico galego nos dous últimos anos é suficientemente explicativo da tensión das contas da Xunta de Galicia. As consensuadas previsións sobre o remate da liña do AVE a Madrid experimentarán un novo retraso, que nos levará á próxima década, de non mediar unha firme postura dos responsables institucionais galegos.
Por último, as dificultades do funcionamento do sistema crediticio. Tanto a principal entidade (NCG) en termos de cota de mercado como un actor secundario relevante (o Banco Pastor) amosan unha forte exposición inmobiliaria aínda non dixerida –como revela que o axuste de prezos sexa menor que no conxunto de España- e dificultades para facer fluír o crédito, concentradas como están na recapitalización. Os datos de evolución do crédito amosan un axuste máis marcado en Galicia que en España, dificultando a continuidade empresarial, o inicio de negocios ou as compras de bens de consumo duradeiro. Pasar o peso das más decisións bancarias ao conxunto da sociedade (a través do banco “malo” ou solucións parellas) ten un custe de oportunidade elevado dada a restrición do gasto público e só resulta aceptable se os accionistas das entidades saneadas asumen unha parte notable das perdas.