martes, 31 de enero de 2012

O FINAL DO MODELO RODRÍGUEZ

Nas apreciacións sobre o BNG que sae da asemblea de xaneiro prevalecen aromas de continuidade e,singularmente, a idea de que a UPG gaña sempre e continúa a manter un ferreño control sobre unha organización convulsa. Porén, caben outras visións, máis debruzadas nos elementos de ruptura coa tradición. Esa ruptura está simbolizada por dúas persoas, unha que entra e outra que sae.
A que entra, Jorquera. Até o de agora a UPG preferira sempre vestirse de moderación na oferta aos cidadáns, representando a idea (só moi parcialmente correcta) de que sectores diversos na súa condición social ou posición ideolóxica tiñan cabida na fronte. E disfrazando deste xeito o seu predominio interno e unha ideoloxía desfasada e con escaso predicamento público en toda Europa occidental. Esa era a fórmula que con tanto éxito ensaiou con Beiras. Unha mecánica robusta e simple, de socialismo real, e un acabado de mercado occidental; á que Beiras aportaba ademais o encanto do enfant terrible e a febleza do Peter Pan que se resiste a madurar –e polo tanto que renuncia a disputar o dominio do aparato-. Agora, a través de Jorquera é a propia UPG a que asume a candidatura á presidencia da Xunta de Galicia –se ben é posiblemente o dirixente actual máis capaz e homologable-.
A que sae, Rodríguez, don Francisco. Que preferiu sempre o control dos aparatos e as conciencias ao brillo diante dos focos, que tanto desgastan, evitando así someterse ao escrutinio dos que con tanta saña botan sal nas feridas.  O modelo Rodríguez (que se presenten outros mentres controlemos nós) remata neste cónclave e ábrese unha etapa de incerteza. ¿Por qué?
Porque o mesmo sucede do outro lado. Beiras por fin medrou e até engaiola coa estética da derrota, lembrando a un Stefan Trofimovich que só descubre a fibra moral necesaria cando o seu tempo está pasado. Aymerich espertou finalmente para recoñecer que a UPG, pese ás promesas, non ía aceptar o seu rol de mascarón de proa do BNG desta década. O certo é que ambos configuran unha alternativa sólida, con mellor aceptación social e un notable apoio interno, por máis que de contornas ideolóxicas difusas. Polo tanto, a UPG ve seriamente ameazado o seu papel hexemónico, o que impide a repetición do modelo Rodríguez. E, paréceme, as novas xeracións de cadros deste singular partido son incapaces de comprender por qué ceder esa parcela de poder político cando, por exemplo, un destacado militante como Miguel Fernández Lores é Alcalde de Pontevedra hai trece anos. Entenden que a sociedade perdeu o medo a ese fantasma que percorre Galicia e poden xa facer política sen intermediarios.
O que abre unha nova etapa no BNG, non exenta do risco de ruptura. A UPG pode estar tentada a facilitar a saída da organización dunha parte dos seus opoñentes, para minimizar os riscos de ser derrotada –aínda asumindo un custe electoral a curto prazo-. E a alianza vencida non pode deixar de reclamar unha cota relevante de participación nas decisións –e nas listas-, so pena de quedar reducida á irrelevancia. Sabendo que fora pode haber tamén un futuro. A xestión desta tensión impórtanos a todos os que militamos no progresismo e no galeguismo.

lunes, 30 de enero de 2012

O DRAMA DO PARO

O pasado venres publicáronse os datos da EPA do último trimestre de 2011. Absolutamente desesperanzadores. Mirémolo por onde o miremos. O incremento do desemprego en España (577 mil parados máis nese ano) correspóndese na súa integridade á destrución de emprego (-600 mil ocupados menos), na construción, na industria e nos servizos, por orde inversa de intensidade. A pesar de gañar competitividade relativa nestes últimos tres anos a caída da demanda interna, privada e pública, é de tal intensidade que produce un axuste de capacidade. Que no cadro laboral afecta máis aos contratados temporais que aos fixos, pero tamén toca a estes; a homes e mulleres; e a todas as franxas de idade por baixo dos 50 anos; a autónomos que tiran a toalla e a asalariados que son despedidos. O drama trasládase ás familias: 1,575 millóns de fogares con todos os seus membros en idade activa en paro.
Galicia segue un camiño similar, con algunhas variantes significativas. Anotemos dúas: o incremento do número de parados (+36.900, un 18,1%) débese á redución do número de ocupados (-20.100) pero tamén á expansión dos activos (+16.800). Os empregos caen no sector primario e na construción, practicamente están estabilizados nos servizos e descenden en picado na construción. Pero teñen un repunte na industria. ¿Cómo explicar estas variantes? Precísanse máis análises dos fluxos migratorios e das decisións en relación coa actividade. Pero un dos compoñentes principais da expansión dos activos en España foi desde o 2000 un saldo migratorio moi positivo, que desde hai tres anos minimizouse, sen que tivera un impacto similar en Galicia.
 En relación coa evolución sectorial da ocupación, destaca a diferenza entre a evolución do emprego na industria e o índice de produción industrial. Até novembro o IPI tiña en Galicia un comportamento peor que o conxunto de España. Moito nos tememos que no ano 2012 as dificultades nos mercados sexan trasladados ao emprego no sector industrial, provocando unha evolución negativa do desemprego neste sector. E que a continuidade dos axustes de persoal no sector público agudicen as dificultades.
Ademais, todas as previsións económicas para España indican unha caída da produción no 2012 que nos vai situar entre 5.5 e 5.8 millóns de parados. A conxuntura vai ser gravísima (tamén en Galicia, por suposto).
Precisamos impulsos de crecemento, como sexa. Da Unión Europea como tal; dos países menos endebedados ou con menos déficit; da moderación salarial que mellore a nosa competitividade; dunha política de incentivos que favoreza o investimento empresarial e unha maior produtividade; dunha redución do ritmo de axuste do déficit público que provoque un impacto negativo menor….Precisamos unha inflación europea algo maior, que reduza a carga da débeda e mellore o tipo de cambio do euro con outras moedas. Precisamos que flúa o crédito. Precisamos que alguén debuxe un horizonte de esperanza.
Sen esquecernos do drama das familias sen ingresos de mercado, ás que só o mantemento da solidariedade pública pode aliviar algo a situación. Ninguén pode defender nesta situación que é a súa renuncia á busca activa de emprego o problema. Favorezamos a súa empregabilidade pero evitemos á emerxencia dun drama social de cariz decimonónico. 

miércoles, 25 de enero de 2012

¿AUSTERIDADE SEN CRECEMENTO?

Pasou xa un mes desde que Mariano Rajoy preside o goberno de España. E foron sucedéndose noticias e previsións de índole económica, case todas negativas. A economía española entrará nunha fonda recesión en 2012, que persistirá ao longo do ano seguinte, agudizando até extremos insoportables o drama do desemprego. A obsesión polo cumprimento dos obxectivos de déficit afectará á baixa á oferta de servizos básicos e reducirá o poder adquisitivo da maioría dos españois. E este intenso axuste fiscal afondará a caída do produto e, polo tanto, dos ingresos públicos, nun circulo vicioso nefasto. Só a evolución da prima de risco da un respiro, pola inxección de liquidez do pasado decembro por parte do BCE, que relaxa algunhas das tensións nos mercados monetarios.
Soubemos do pragmatismo de Rajoy –unha forma elegante de denominar o incumprimento das súas promesas previas-: subiu os impostos ás rendas do traballo e moito nos tememos que pese aos desmentidos actuais tamén suba o IVA nos próximos meses. Preocúpanos porén a cacofonía na condución da política económica. A decisión de non designar un vicepresidente económico conduce á acefalia nun ámbito decisivo e no que o Presidente, por razóns de imaxe, non vai dar a cara. Redúcese así a confiabilidade. E sorpréndenos negativamente a ausencia dun programa orientado ao crecemento. A austeridade en se mesma reduce a actividade económica. Pero só saímos desta se hai crecemento. ¿Cómo conseguilo na complicada situación española?
Primeiro, cunha política de resolución da crise bancaria, que permita a fluencia do crédito a particulares e empresas. Esta política debe garantir que os recursos públicos necesarios para o saneamento do sistema financeiro sexan a contrapartida dunha participación transitoria do estado no capital das entidades que reciben axudas, para facer posible a recuperación futura dos recursos, unha vez que o mercado se estabilice.
Segundo, cunha política favorable ao crecemento e o emprego, que debe ter como obxectivo central o incremento da produtividade dos distintos factores de produción. A imprescindible moderación salarial dos próximos anos (evolución do salario en termos reais por debaixo do crecemento da produtividade, tal como acordaron patronal e sindicatos recentemente) debe ser a contrapartida do mantemento dos dereitos básicos dos traballadores e dunha decidida implicación empresarial no cambio do modelo produtivo (internacionalización en dirección a países emerxentes, fomento da aprendizaxe continua, incorporación da innovación e o desenvolvemento como unha función normalizada da empresa....). A ralentización do ritmo da consolidación fiscal, previo acordo europeo, permitirá que o conxunto da demanda interna se comporte algo mellor, facilitando a recuperación do ton económico.
Terceiro, cunha política de eficiencia pública, eliminando gastos superfluos pero tamén ampliando e mellorando a base tributaria para garantir o mantemento dos servizos básicos do estado do benestar. O compromiso necesario coa sustentabilidade da débeda é compatible con déficit públicos moderados que tendan a equilibrarse ao longo do ciclo, sempre que teña lugar o crecemento da economía. A orientación do gasto público cara aos servizos básicos e a creación das condicións do crecemento obriga a revisar tamén moitas decisións en materia de infraestruturas, ou fomento empresarial para garantir a súa eficiencia. Hai decisións fiscais ou en materia de infraestruturas que a administración central non tomaría hoxe. Pero en todas as casas cocen fabas. A Comunidade valenciana aparece como un paradigma de mal uso dos fondos públicos, en proxectos faraónicos cos pés de barro financeiros. O concello de Madrid é o exemplo máis nítido dun endébedamento insostible na esfera municipal, alimentado de xeito paralelo á burbulla inmobiliaria. Nada disto debe volver a repetirse en ningún nivel da administración. Pero agora é unha tarefa titánica minimizar os custes derivados de proxectos insensatos ou de opcións pouco eficientes.