miércoles, 25 de enero de 2012

¿AUSTERIDADE SEN CRECEMENTO?

Pasou xa un mes desde que Mariano Rajoy preside o goberno de España. E foron sucedéndose noticias e previsións de índole económica, case todas negativas. A economía española entrará nunha fonda recesión en 2012, que persistirá ao longo do ano seguinte, agudizando até extremos insoportables o drama do desemprego. A obsesión polo cumprimento dos obxectivos de déficit afectará á baixa á oferta de servizos básicos e reducirá o poder adquisitivo da maioría dos españois. E este intenso axuste fiscal afondará a caída do produto e, polo tanto, dos ingresos públicos, nun circulo vicioso nefasto. Só a evolución da prima de risco da un respiro, pola inxección de liquidez do pasado decembro por parte do BCE, que relaxa algunhas das tensións nos mercados monetarios.
Soubemos do pragmatismo de Rajoy –unha forma elegante de denominar o incumprimento das súas promesas previas-: subiu os impostos ás rendas do traballo e moito nos tememos que pese aos desmentidos actuais tamén suba o IVA nos próximos meses. Preocúpanos porén a cacofonía na condución da política económica. A decisión de non designar un vicepresidente económico conduce á acefalia nun ámbito decisivo e no que o Presidente, por razóns de imaxe, non vai dar a cara. Redúcese así a confiabilidade. E sorpréndenos negativamente a ausencia dun programa orientado ao crecemento. A austeridade en se mesma reduce a actividade económica. Pero só saímos desta se hai crecemento. ¿Cómo conseguilo na complicada situación española?
Primeiro, cunha política de resolución da crise bancaria, que permita a fluencia do crédito a particulares e empresas. Esta política debe garantir que os recursos públicos necesarios para o saneamento do sistema financeiro sexan a contrapartida dunha participación transitoria do estado no capital das entidades que reciben axudas, para facer posible a recuperación futura dos recursos, unha vez que o mercado se estabilice.
Segundo, cunha política favorable ao crecemento e o emprego, que debe ter como obxectivo central o incremento da produtividade dos distintos factores de produción. A imprescindible moderación salarial dos próximos anos (evolución do salario en termos reais por debaixo do crecemento da produtividade, tal como acordaron patronal e sindicatos recentemente) debe ser a contrapartida do mantemento dos dereitos básicos dos traballadores e dunha decidida implicación empresarial no cambio do modelo produtivo (internacionalización en dirección a países emerxentes, fomento da aprendizaxe continua, incorporación da innovación e o desenvolvemento como unha función normalizada da empresa....). A ralentización do ritmo da consolidación fiscal, previo acordo europeo, permitirá que o conxunto da demanda interna se comporte algo mellor, facilitando a recuperación do ton económico.
Terceiro, cunha política de eficiencia pública, eliminando gastos superfluos pero tamén ampliando e mellorando a base tributaria para garantir o mantemento dos servizos básicos do estado do benestar. O compromiso necesario coa sustentabilidade da débeda é compatible con déficit públicos moderados que tendan a equilibrarse ao longo do ciclo, sempre que teña lugar o crecemento da economía. A orientación do gasto público cara aos servizos básicos e a creación das condicións do crecemento obriga a revisar tamén moitas decisións en materia de infraestruturas, ou fomento empresarial para garantir a súa eficiencia. Hai decisións fiscais ou en materia de infraestruturas que a administración central non tomaría hoxe. Pero en todas as casas cocen fabas. A Comunidade valenciana aparece como un paradigma de mal uso dos fondos públicos, en proxectos faraónicos cos pés de barro financeiros. O concello de Madrid é o exemplo máis nítido dun endébedamento insostible na esfera municipal, alimentado de xeito paralelo á burbulla inmobiliaria. Nada disto debe volver a repetirse en ningún nivel da administración. Pero agora é unha tarefa titánica minimizar os custes derivados de proxectos insensatos ou de opcións pouco eficientes.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario