martes, 31 de enero de 2012

O FINAL DO MODELO RODRÍGUEZ

Nas apreciacións sobre o BNG que sae da asemblea de xaneiro prevalecen aromas de continuidade e,singularmente, a idea de que a UPG gaña sempre e continúa a manter un ferreño control sobre unha organización convulsa. Porén, caben outras visións, máis debruzadas nos elementos de ruptura coa tradición. Esa ruptura está simbolizada por dúas persoas, unha que entra e outra que sae.
A que entra, Jorquera. Até o de agora a UPG preferira sempre vestirse de moderación na oferta aos cidadáns, representando a idea (só moi parcialmente correcta) de que sectores diversos na súa condición social ou posición ideolóxica tiñan cabida na fronte. E disfrazando deste xeito o seu predominio interno e unha ideoloxía desfasada e con escaso predicamento público en toda Europa occidental. Esa era a fórmula que con tanto éxito ensaiou con Beiras. Unha mecánica robusta e simple, de socialismo real, e un acabado de mercado occidental; á que Beiras aportaba ademais o encanto do enfant terrible e a febleza do Peter Pan que se resiste a madurar –e polo tanto que renuncia a disputar o dominio do aparato-. Agora, a través de Jorquera é a propia UPG a que asume a candidatura á presidencia da Xunta de Galicia –se ben é posiblemente o dirixente actual máis capaz e homologable-.
A que sae, Rodríguez, don Francisco. Que preferiu sempre o control dos aparatos e as conciencias ao brillo diante dos focos, que tanto desgastan, evitando así someterse ao escrutinio dos que con tanta saña botan sal nas feridas.  O modelo Rodríguez (que se presenten outros mentres controlemos nós) remata neste cónclave e ábrese unha etapa de incerteza. ¿Por qué?
Porque o mesmo sucede do outro lado. Beiras por fin medrou e até engaiola coa estética da derrota, lembrando a un Stefan Trofimovich que só descubre a fibra moral necesaria cando o seu tempo está pasado. Aymerich espertou finalmente para recoñecer que a UPG, pese ás promesas, non ía aceptar o seu rol de mascarón de proa do BNG desta década. O certo é que ambos configuran unha alternativa sólida, con mellor aceptación social e un notable apoio interno, por máis que de contornas ideolóxicas difusas. Polo tanto, a UPG ve seriamente ameazado o seu papel hexemónico, o que impide a repetición do modelo Rodríguez. E, paréceme, as novas xeracións de cadros deste singular partido son incapaces de comprender por qué ceder esa parcela de poder político cando, por exemplo, un destacado militante como Miguel Fernández Lores é Alcalde de Pontevedra hai trece anos. Entenden que a sociedade perdeu o medo a ese fantasma que percorre Galicia e poden xa facer política sen intermediarios.
O que abre unha nova etapa no BNG, non exenta do risco de ruptura. A UPG pode estar tentada a facilitar a saída da organización dunha parte dos seus opoñentes, para minimizar os riscos de ser derrotada –aínda asumindo un custe electoral a curto prazo-. E a alianza vencida non pode deixar de reclamar unha cota relevante de participación nas decisións –e nas listas-, so pena de quedar reducida á irrelevancia. Sabendo que fora pode haber tamén un futuro. A xestión desta tensión impórtanos a todos os que militamos no progresismo e no galeguismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario