lunes, 23 de abril de 2012

DO SUICIDIO DE EUROPA Á EUTANASIA DO RENTISTA

Vivimos momentos decisivos en Europa, porque está en xogo a continuidade de integración tal e como a coñecemos, con singular incidencia en España. O noso futuro económico a curto prazo está condicionado polo financiamento externo da débeda pública e privada, nun momento en que se intensifica a desconfianza.
España debe simultaneamente continuar coa consolidación fiscal e o desendébedamento privado, ao tempo que debe impulsar o crecemento (e o emprego) para reconstituír as bases fiscais. Pero a consolidación provoca efectos recesivos a curto prazo, de intensidade variable en función da composición dos axustes, que en parte anulan o seu impacto sobre a redución do déficit público…Por iso a clave está no crecemento (acompañado dunha austeridade sostible, permítaseme a ironía).
¿Cómo podemos establecer unha traxectoria de saída da depresión na que estamos? Atrévome a esbozar algunhas ideas, que en conxunto forman unha política coherente:
1.    Establecer un calendario máis dilatado de consolidación fiscal, que sexa convincente e practicable, en vez de colocarse retos imposibles e lanzar programas improvisados e dificilmente verificables (como os dos 10.000 millóns de euros). O Fondo Monetario Internacional prevé que España acade o 3% de déficit público en 2018.
2.    En vez de poñer patas arriba o sistema de saúde –que funciona a un custe baixo en comparación internacional- ou o educativo –que ten marxe de mellora pero de novo é comparativamente económico-, actuemos expandindo a base fiscal, eliminando os desequilibrios existentes no sistema impositivo e revisando deducións, bonificacións e eliminacións de figuras tributarias. Os beneficios fiscais da Facenda central supoñen en 2012 38.000 millóns de euros….
3.    O crecemento será imposible se non flúe o crédito; o que non sucederá mentres o sistema financeiro estea atenazado polo derrube do sector inmobiliario. É imperioso por en práctica unha solución, inspirándose na que funcionaron hai algúns lustros nos países nórdicos. Mellor sen fondos públicos. Pero si hai que poñelos, adiante, sempre que teñan contrapartidas (participación no capital das entidades e recuperación con lucro, vg.)
4.    Actuar con decisión no ámbito europeo para evitar que, en palabras de Krugman, Europa se suicide –porque antes de que o consiga levará por diante o noso benestar e o futuro dos nosos fillos-. ¿Qué debería pasar na Unión Europea? Unha política fiscal expansiva dos países que teñen marxe –singularmente Alemaña, polo seu tamaño- e da Unión Europea, como tal, directamente ou a través do Banco Europeo de Investimentos. E deberiamos aproveitar a necesidade de emitir unha mensaxe de fortaleza aos mercados para reforzar con decisión o goberno económico de Europa, o que ten consecuencias inmediatas no plano político.
5.    Que se adoptase unha política monetaria máis favorable ao crecemento, xerando unha moderada inflación que desvalorizase o euro e erosionase progresivamente a débeda. ¿E os acredores? Creo que estarán mellor con esta solución que coa quita do 90% negociada en Grecia ou cun default…. Keynes teorizou no último capítulo da súa Teoría Xeral a eutanasia do rendista como aquela situación en que a dinámica dos tipos de xuro fai que estes baixen, o capital sexa abundante e só se compensen os sacrificios xenuínos. Hoxe, ou os rendistas europeos (tenedores de bonos e outros) aceptan algunha clase de eutanasia ou nos encamiñamos ao suicidio de Europa.
Alguén botará en falla a referencia á Xunta de Galicia. Ah!, ¿pero aínda existe como un actor autónomo de política económica?