miércoles, 28 de marzo de 2012

UNHA REFORMA LABORAL DESEQUILIBRADA

O desemprego de masas seguirá sendo un grave problema social en España e en Galicia nos vindeiros anos, revelando a continuidade das dificultades económicas. Por moi ben que vaian as cousas –e poden ir mal- entraremos na vindeira década aínda cun nivel de paro por riba do existente no 2007. Polo tanto, o “mercado” de traballo amosa, desde unha perspectiva económica, graves deficiencias: non hai unha senda rápida de recuperación do equilibrio. ¿Por qué?
O diagnóstico do Goberno de España, implícito na reforma laboral en tramitación, pousa sobre a excesiva rixidez dos salarios e das condicións laborais. Dado que non hai un axuste abondo nos prezos (salarios), prodúcese nas cantidades (contratacións). A solución, tamén implícita, pero que se deriva claramente do texto da reforma, é simple: se hai unha deflación salarial significativa os empresarios poderán competir, co que contratarán máis traballadores, etc. O abaratamento do custe do despido facilitará as contratacións ao ter menos custe os erros ou a adaptación a condicións económicas cambiantes. Na nosa opinión unha versión renovada do conto da leiteira.
Esta argumentación ten unha certa credibilidade porque parécese a un proceso necesario na economía española nesta conxuntura. Só se parece. Debemos recuperar competitividade fronte ao exterior, o que significa que os salarios deben evoluír por baixo dos incrementos de produtividade. Por certo, recuperámola xa desde o inicio da crise e o acordo acadado entre empresarios e sindicatos hai poucos meses permitía intensificar este proceso nos vindeiros exercicios –acordo invalidado de facto pola reforma-. Quizais por esta razón a balanza comercial española está xa próxima ao equilibrio (descontando os rubros enerxéticos).   
Pero esta formulación indica que é posible actuar sobre cada un dos dous elementos da relación: o nivel salarial ou a produtividade. A reforma incentiva ao empresario a centrarse na primeira, por múltiples vías. As máis relevantes, pero non as únicas, son seguramente, a primacía outorgada aos convenios de empresa fronte aos do sector –favorecendo a competencia intrasectorial, que é a relevante, vía salarios e condicións de traballo- e as facilidades para o descolgue dos convenios –o que, combinado coa situación laboral traducirase nun rápido deterioro das condicións de traballo-. Camiñamos cara un menor nivel salarial. É difícil que non sexa esta a vía privilexiada de actuación.
¿E a produtividade? Convén distinguir entre o curto prazo e períodos máis longos. De xeito inmediato continuará o axuste vía cantidades (menos empregos), ao facilitarse e abaratarse tanto o despedimento individual como as solucións unilaterais (ERES non pactados), cun crecemento conxuntural da produtividade do traballo, incluída a substitución de traballadores “máis caros” por xóvenes máis económicos e subvencionados.. Agravando unha situación de desemprego que atopa as súas explicacións tamén na reconversión do complexo construción, nas dificultades de acceso ao crédito, na consolidación pública e no estancamento dos mercados europeos.
Nun prazo medio e longo os incentivos van por outro lado. Non vemos impulsos a centrase na mellora da produtividade. O contrato de formación é unha fórmula de precarización do emprego xuvenil. A dualización do mercado laboral, seguramente o seu principal problema, verase agudizada.
O problema central da reforma é que quebra o equilibrio precariamente conseguido nas relacións laborais, fomentando a individualización das relacións e, en todo caso, os acordos no ámbito da empresa (sempre que teña máis de 6 traballadores). Debilita de xeito notable a negociación colectiva –e con ela aos sindicatos-.É así unha opción extrema, que elimina o adxectivo “social” da economía de mercado, reescribindo de feito a Constitución neste ámbito. A ollada ao modelo alemán, sempre tan dependente da concertación, indícanos en que medida nos alonxamos dos mellores exemplos da Europa que trunfa.
O mercado de traballo é especial. Porque a mercancía que se negocia nel é inseparable das persoas que portan a capacidade de traballo. Cando establecemos de xeito permanente un mecanismo de depresión salarial estamos determinando o lugar que ocupamos na división internacional do traballo e o nivel da compoñente salarial do consumo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario