miércoles, 9 de noviembre de 2011

SECUELAS DO DEBATE 2: A ECONOMÍA DE RAJOY

O diagnóstico da situación económica que ofrece o candidato conservador á Presidencia do Goberno de España sorprende pola súa simplicidade, aínda que cabe outorgarlle o mérito dunha notable eficacia comunicacional: o causante da crise é Rodríguez Zapatero e as súas políticas nefastas. De querermos avanzar algo máis, detectamos catro elementos: un gasto público excesivo, gastando o que non se ten; unha fiscalidade demasiado elevada; unha insuficiente flexibilidade no mercado laboral e en outros àmbitos, o que resta competitividade ao tecido empresarial; e a seca do crédito, que non se atribúe a causa algunha pero da que tamén se fai responsable ao goberno actual, por ter sido escasamente dilixente na reestruturación do sistema financeiro.
Como explicación das causas e da anatomía da crise son argumentos atendibles só nunha mínima parte. ¿Podía ter sido máis formiga e menos cigarra o goberno Zapatero? Sempre é posible, pero ten no seu haber os primeiros superávit fiscais da democracia e un control da débeda pública que nos colocou entre os máis saneados de Europa…até o estalido da crise e a burbulla inmobiliaria. Polo tanto, os déficit enormes dos últimos tres exercicios son unha consecuencia da crise nunha proporción importante e non causa da mesma. E de decisións voluntaristas nun grado menor, pero que respondían en calquera caso a unha vontade global (todos os países desenvolvidos) para sortear a caída no precipicio que se abría baixo os pés: unha política imprescindible, alentada por gobernantes de todo o arco político. Era, en 2009 e 2010, o “sentido común” tan caro a Rajoy. Notemos ademais que este postulado conservador é contraditorio co segundo (impostos demasiado elevados) e coas demandas concretas que realiza (por exemplo, non conxelar as pensións diferentes das mínimas, cun custe do entorno dos 1500 millóns de euros).
¿Podía ter feito Zapatero máis reformas? Sen dúbida, é preciso construír mercados máis eficientes –compatibles coa protección de dereitos básicos- e algunha oportunidade perdeuse nestes anos, pero, de novo, non son estas rixideces as causantes da crise. ¿Podíase ter reestruturado antes o sistema financeiro? Polo que vamos coñecendo, a dixestión abrupta dos 200.000 millóns de euros de créditos ao sector inmobiliario en formas diversas podía ter acabado como o rosario da aurora; aínda que o Banco de España emitiu sinais contraditorios e até inicios do pasado exercicio non deu signos de comprender a magnitude do problema.
En canto ás solucións esbozadas, a pedra basilar da saída da crise no modelo conservador é a restauración da confianza, que, hipoteticamente, produciría por si soia a presenza de Rajoy na Presidencia do Goberno de España. A universalización das dificultades na nosa contorna, para gobernos de todo signo político, debería facernos contemplar con reservas máximas este mecanismo. Que debemos desentrañar na súa operativa concreta. Ten asociados dous mecanismos, a recuperación do investimento privado e a austeridade.
A segunda está nas maos do goberno –até certo punto-. Resulta inevitable, ademais, de proseguir coa consolidación fiscal pactada na Unión Europea, que Rajoy non discute. En dous anos será preciso, só na administración central, reducir ao redor dun 3% do PIB –tendo en conta a desviación que seguro se producirá este ano-. Para dármonos unha idea, aproximadamente a metade do gasto público en sanidade de todas as administracións. O candidato conservador asegura que non tocará sanidade e educación (o gasto reside en máis dun 90% nas comunidades autónomas, a promesa é doada) e parece fiar todo a unha reestruturación da administración (organismos autónomos, axencias, empresas públicas) que a experiencia indica que xerará aforros no medio prazo –e tamén provoca gastos-. Algunha propostas, como a referida ás televisións autonómicas, situarán o aforro nas facendas descentralizadas, cando teña lugar. Se, ademais, pon en marcha as rebaixas fiscais prometidas (como a restauración da desgravación por vivenda, que a maior parte dos expertos critican ou retoques en sociedades), só unha combinación do parón en obras públicas, practicamente total, a privatización dunha parte substancial do sector público empresarial que funciona (dos aeroportos ás axencias de noticias, de loterías á consultora de enxeñería) permitirá achegar recursos a curto prazo. E non abondará. A actuación sobre os gastos de persoal será unha tentación irresistible.
¿Funcionará a cura de austeridade? Algúns estudosos, como, Alesina, defenden os seus efectos positivos para o crecemento, pero a evidencia empírica é moi limitada e a maior parte dos economistas seguen considerando que é o gasto público o que funciona (o seu equivalente, reducir a imposición mantendo o gasto público é tamén eficaz pero menos). Reducir o tamaño da administración e a súa implicación na actividade económica provocará a curto prazo un agravamento das tendencias recesivas da economía española, escribindo un conto da leiteira á inversa do candidato Rajoy: menos actividade, menos emprego, menos ingresos públicos,….
Queda tan só o segundo mecanismo: a restauración da confianza. O que no fondo significa fiar toda a estratexia á recuperación do investimento empresarial. ¿Por qué van os empresarios investir notablemente máis porque Rajoy estea en Moncloa se as perspectivas da demanda privada continúan igual, se os mercados de exportación estáncanse, se cae a demanda pública, se o crédito ten as mesmas dificultades para fluír? Sería unha sorte de economía do milagre. A referencia á experiencia do primeiro Aznar esquece que a recuperación da economía mundial estaba en marcha (o motor puxérono outros) e a liberalización do solo, xunto á redución dos tipos de xuro derivados da falsa expectativa de estabilidade impulsada polo euro, acenderon a mecha da burbulla inmobiliaria. Nada disto está presente agora.
En suma, existe unha enorme dificultade para atopar a racionalidade das receitas económicas de Rajoy; e polo tanto debemos preocuparnos se a súa política efectiva corresponde con elas e aínda máis se só serven para tapar un programa oculto que non se somete ao escrutinio público.

No hay comentarios:

Publicar un comentario