miércoles, 20 de junio de 2012

O momento Coiote

Mariano Rajoy felicitouse de conseguir unha liña de crédito de até 100.000 millóns de euros dos socios europeos, marchou á Eurocopa, satisfeito, e non quixo pronunciar a palabra rescate-. Sen embargo, un rescate é xustamente iso: como non es quen de saír polos teus propios medios do foxo no que estás metido (neste caso, como non podes financiarte no mercado para prestar a Bankia o capital que precisa para sobrevivir) un organismo especializado presta unha axuda -e como non podía ser doutro xeito nestes tempos mercantilizados, cobra duramente por auxiliarte-
Claro que as institucións europeas poderían –incluso deberían- prestar directamente ás entidades bancarias en problemas. Pero esa negativa a constituír un embrión de unión bancaria é parte xustamente das dificultades que vive Europa. A Merkel non se lle oculta que comezar por encargarse dos bancos en dificultades é o primeiro paso para ocuparse tamén directamente dalgúns dos problemas dos países intervidos. E a súa opinión pública toleraría malamente meter máis diñeiro do contribuínte alemán para lanzar outro salvavidas aos manirrotos GIPSI. E os países xa auxiliados (é un dicir…) reivindicarían a aplicación da cláusula da nación máis favorecida. ¿Por qué a España si e a nós non? Por iso, desde a posición egoísta en que está instalada a dirixencia europea, é preferible que sexan os propios gobernos os responsables de tratar coas entidades financeiras con furados no seu balance –e desde a esfera común ao sumo ábreselle, unha liña de crédito, en condicións de mercado e, ás veces, mandátase ao BCE para que inxecte liquidez nos bancos en condicións favorábeis-. Por certo, ¿alguén entende por qué o BCE pode ofrecer montañas de liquidez aos bancos ao 1% pero aos estados hai que cargarlle un interese de mercado? Son as normas, dise. Pero houbo máis de tres anos para modificalas.
Encomendar aos gobernos asfixiados unha operación adicional de salvamento pode quebralos –ilustrando así a miopía europea-. Aumenta a débeda, obriga a xerar un superávit adicional para devolver os xuros e, sobre todo, desvela a ausencia dunha armazón común de seguranza mesmo en conxunturas críticas. A fatal conexión entre un rescate puramente bancario e un rescate soberano está xa trazada. Quizais isto serva para esclarecernos unha parte das razóns polas que os rescates non están funcionando. Condenar a un país a unha sobredose de austeridade fai coincidir a caída do consumo privado e do consumo público; e elimina calquera posibilidade, por remota que fose, de espertar do investimento. A demanda interna, aínda máis polo chán. Deste xeito a austeridade anúlase a si mesma, nunha espiral autodestrutiva, na que está a economía grega e, con diferentes niveis de intensidade, outros países europeos. Por iso é tan importante edificar unha sólida e eficiente rede de seguranza europea, que preste axuda nunhas condicións aceptábeis. Grecia ten que construír un estado eficaz, cobrar impostos, etc. etc. Efectivamente. Favorezamos en consecuencia una situación en que isto sexa posible; insiramos neste proceso a maior parte da sociedade grega –hoxe non o está-, renegociando o memorando si é preciso, démoslle tempo para construír institucións eficaces. E si, sexamos esixentes en que cobren impostos, ofrezan información veraz, reduzan a burocracia e instilen competencia en mercados pechados.
¿Cál é a outra parte das razóns do fracaso dos rescates? Parafraseando a Arquímedes, precísase un punto de apoio para comezar a moverse. Nestas economías, entre as que está a nosa, ese punto está no exterior. Son condicións necesarias para superar a doenza impulsar o crecemento –é posible con custes limitados, capitalizando o BEI, por exemplo, con efecto multiplicador relevante- e tolerar un nivel de inflación maior que o actual. Algúns países de Europa teñen marxe e deben usalo polo ben de todos (incluídos eles mesmos)
Europa asómase ao precipicio, aproxímase o momento Coiote. No vindeiro Consello europeo temos unha oportunidade –posiblemente sexa a última- para endereitar o rumbo. ¿Tenderemos unha ponte ao futuro ou limitarémonos a un gastado anuncio de bos propósitos –un paso á fronte precipitándonos no baleiro-?

No hay comentarios:

Publicar un comentario