viernes, 8 de junio de 2012

¿NON HAI ALTERNATIVA?[

¿NON HAI ALTERNATIVA?[1]
(Publicado en El País -Galicia, maio de 2012)
Feijóo, o noso Presidente, leva uns meses sen discurso sobre a situación económico-social de Galicia. Antes, Zapatero cargaba con todo. Asumira un papel que Daniel Pennac, nun magnífico libro, Au bonheur des ogres, consideraba indispensable: o de bouc-émissaire –seguramente porque lera a R. Girard-. Pero ese alibi foise co vento e xa non hai sufridor ao que cargar as culpas. ¿Qué nos pode dicir agora? Se lera a Sartre, que os culpábeis son os outros: Rajoy (pode pensalo pero non dicilo en alta voz) ou a herdanza recibida (xa non cola) ou a oposición que non colabora (non é compatible coa súa enerxía sarkosiana). Por iso, agora, o noso Presidente, cala, abrumado pola situación, procurando que non ollemos para il para procurar solucións. Pero se non é útil en tempos duros,  ¿para qué sirve a autonomía?
Ímosllo dicir. O País Vasco celebrou, hai pouco máis de tres anos, ao tempo que Galicia, eleccións autonómicas. Gañou o PSE, con Patxi López, reemprazando ao PNV, despois de décadas. En Bilbao, hai poucos meses, chamoume a atención a sensación de prosperidade que se vivía no ambiente, comparativamente con Galicia –tamén de tranquilidade polo fin de ETA-. Non non deixemos levar por sensacións, Consultemos as estatísticas.
Entre o primeiro trimestre do ano 2009 (as eleccións foron o 1 de marzo) e o de 2012 Galicia aumentou nun 65% a súa taxa de desemprego (102.900 parados máis, até o 20.2%) mentres que o País Vasco incrementouna nun 31% (31.600 parados máis, situándose no 13.5%). Destruíronse en Galicia 118.000 empregos, en termos netos; en Euzkadi, 48.100.
¿Lembran vostedes o primeiro mandamento do contrato de Feijóo con Galicia? Era, cito textualmente, “recuperar a senda da creación de emprego”. ¿Terá o noso Presidente que recoñecer aquí un primeiro e decisivo fracaso?
O País Vasco creceu nos últimos dous exercicios (2010/2011) un 2.2% en termos reais; Galicia, só un 0.4%. E así sucesivamente. Poderiamos seguir coas cifras, pero xa abondou. 
¿Ten máis competencias o País Vasco no ámbito económico? Si, pero marxinalmente: unha pequena diferenza na xestión das políticas activas de emprego. ¿Ten máis recursos? Sen dúbida, o sistema de concerto outorga máis financiamento á comunidade autónoma, pero ven sendo así desde hai lustros. Non, non é aquí onde está o compoñente diferencial. Algo pode influír o fin de ETA, equilibrando a situación (normalizándoa) co conxunto de España. Pero seguramente o que marca a diferenza é o uso do autogoberno a favor do crecemento (Goberno López) fronte a unha xestión sen norte, aparentemente obsesionada pola austeridade cega (Goberno Feijóo) –aínda que duplicará a débeda no seu mandato-.
Non, o responsable da crise non é Feijóo. Pero o exemplo vasco indica que se pode facer mellor. Cando menos a diferenza entre esa comunidade e a nosa debería ser asumido polo Presidente. Nun contexto de extrema dificultade, uns vao bem e outros mal, que diría Fausto. Non son o mesmo unhas e outras políticas.





[1] As referencias francófilas, unha homenaxe á victoria de Hollande.

No hay comentarios:

Publicar un comentario