viernes, 8 de junio de 2012

BANKIA E NGB

(publicado en La Voz de Galicia, xuño 2012)
A aínda inconclusa crise de BANKIA evidencia o fracaso da estratexia do goberno pero abre algunha perspectiva nova para NGB. Vaiamos por partes.
Con BANKIA, o goberno perde crédito.
É difícil achacar esta crise á herdanza, cando a indefendible xestión estivo a cargo de profesionais de confianza do Partido Popular e, incluso, de Rato, unha das súas figuras de máis relumbrón, logo do encarnizado enfrontamento entre Gallardón e Aguire. Por non falar de Bancaja. Ademais, o espectáculo ofrecido, que Draghi critica acerbamente, pon en dúbida a capacidade xestora do goberno Rajoy. Denigrar ao supervisor non axuda, cando restaurar a confianza na capacidade autónoma de España parecía ser a liña estratéxica. Dificultar a aclaración das responsabilidades, tampouco, cando se predica transparencia plena.
O peor: unha sensación acentuada de improvisación. Aínda non sabemos cantos recursos serán precisos para o saneamento definitivo da entidade nin quén ou cómo vai pagar. Ao tempo que se despreza a axuda de Bruxelas, cando será imprescindible. Este é o principal erro, que deberá ser enmendado en breve
Digámolo con claridade. O saneamento do sistema financeiro é unha condición indispensable para a recuperación. Precisaranse ducias de miles de millóns de euros (algunhas estimacións falan de 100.000 millóns) para compensar as perdas derivadas da explosión da burbulla inmobiliaria –como explicou nestes mesmas páxinas Manuel Lago-, sobre todo, pero tamén o menor valor das entidades participadas e os efectos da crise sobre a morosidade de familias e empresas.
¿Quén vai achegar estes fondos? Os que precisen os bancos máis saneados, eles mesmos ou os seus accionistas Pero, para as entidades na órbita do FROB, sobre todo despois da experiencia de Bankia, terán que ser fondos públicos. O que se pode discutir: en qué proporción de España ou de Europa, ou , se queremos ser máis realistas, cómo os vai facer Europa chegar ás entidades. Os que protestan pola achega de recursos públicos descoñecen a historia e ignoran que as alternativas son todas peores. ¿Deixamos caer a Bankia? Pero, ¿garantimos o diñeiro dos depositantes? ¿Só co Fondo de Garantía de Depósitos? Non. A discusión real é se van ser recuperados, en vez de socializar perdas. As experiencias exitosas –como a sueca dos anos noventa do século pasado- indícannos que a permanencia no capital durante un período medio é imprescindible para obter ese resultado, que nada garante. É irónico que o banco da neoliberal Aguirre acabe por ser nacionalizado. Non debe preocuparnos: o importante é que cace ratos, neste caso, que faga fluír o crédito, que sexa xestionado con profesionalidade e solvencia. Tamén os landesbank alemáns son públicos –e por certo algúns foron rescatados con recursos públicos non hai moitos anos-.
Afasta de min este cáliz
Sumar BANKIA e NGB non nos parece unha boa solución, nin técnica nin social nin política. Sería un apéndice dun proxecto con enormes dificultades e quebrantos, aínda non totalmente coñecidos, co seu centro de gravidade en Madrid. O nivel de risco para o futuro de NGB elévase en vez de reducirse. A solución fáise máis complexa, indeterminada e seguramente costosa. NGB deixa de ser un asunto específico na axenda política galega. Ademais, significaría unha reestruturación adicional de NGB, moi intensa (en rede de oficinas pero sobre todo nos servizos centrais), con perda suplementaria de empregos e desmantelamento de función directivas. Supón aplicar unha lóxica de recentralización financeira, afastando os centros de poder bancario dos aforradores, das familias e o tecido produtivo de Galicia. Devaluaríase así o valor de NGB, ao disolvela nun proxecto no que sería unha peza menor e periférica.
Sin embargo, a ruptura do dogma permite abrir o abano de opcións a disposición de NGB. Á alternativa auspiciada polos actuais xestores, con data límite en setembro, súmaselle a entrada con carácter estable no capital de NGB do Estado, reforzando o seu capital e garantindo a continuidade da autonomía do proxecto de NGB Unha sorte de banca rexional, co compromiso de actuar de xeito absolutamente prioritario no territorio de Galicia, con xestión independente e profesional.

No hay comentarios:

Publicar un comentario