viernes, 8 de junio de 2012

LECCIÓNS DA CRISE

Se algo aprendemos nesta crise é o carácter sumamente especial do sector financeiro. Os gobernos deixan quebrar pequenos negocios, pequenas e grandes empresas –aínda que procuren axudalas ou, nalgúns casos, mantelas vivas artificialmente-. Pero é moito máis difícil que deixen caer a un banco, sen optar antes por experimentar todas as solucións, incluída a nacionalización, total ou parcial. ¿Non se lembran de Rumasa, un holding con 17 entidades bancarias? ¿Ou de Banesto? ¿Ou da CAM, Cajasol e outras moi recentemente? E agora Bankia. Pasa en todo o mundo –por máis que algúns reputados economistas digan o contrario-. ¿Por qué hai esa sobre protección aos bancos, sobre todo aos que son too big to fail?
Polo risco de contaxio. O sistema bancario comercial está tan interrelacionado entre si e co resto da economía que unha quebra provocaría un colapso do conxunto. Non só padecerían os accionistas (como en calquera quebra, e resulta normal), ou os obrigacionistas (entre os que estarían os titulares de depósitos), se non todos aqueles que tiveran relacións con estes; o medo envenelaría ao entramado económico, conxelándoo. As externalidades negativas son tan grandes que o estado se e na obriga de intervir para evitar males maiores. Por certo, xa en épocas normais funciona o Fondo de Garantía de Depósitos que, até un límite, protexe aos titulares evitando os pánicos bancarios (que destrozan a calquera entidade) e outros mecanismos.
Derivemos dúas consecuencias. A primeira, que accionistas e directivos do sector financeiro viven nun mundo maravilloso. Mentres as cousas van ben, obteñen unha máis que notable remuneración polos seus esforzos ou o seu capital; e se van mal está a rede do estado para protexelos fronte as adversidades. Certo, os accionistas perderán unha proporción do seu capital e isto debería facelos máis responsables. Pero, ¿os directivos? Como as remuneracións variables tender a ser independentes dos resultados a longo prazo, a asunción de riscos excesivos, se ten un premio a curto, convértese nunha boa estratexia. Cando non existen accionistas, como nas caixas, e os altos directivos son os reis do mambo pola irresponsabilidade ou neglixencia dos membros dos consellos de administración os freos son menores. Non, o problema central das caixas non foi a excesiva politización; foi o poder sen disciplina da tecnoestrutura, que diría Galbraith. Por iso é tan importante a transparencia sobre soldos e incentivos; e a creación de marcos onde as responsabilidades estean claras.
A segunda, que a intervención do estado, cando teña que producirse, terá que ir acompañada da asunción de perdas e responsabilidades polos causantes da situación; e presidida por unha estratexia de recuperación dos recursos. Rato advirte aos accionistas qeu perderán coa intervención de Bankia. E que non pode ser doutro xeito, pois perderían máis sen a intervención, investiron mal e permitiron aos xestores (ao propio Rato) tomar decisións equivocadas. E se houbo decisións adoptadas con criterios pouco profesionais, os xestores deben ser levados a asumir as súas responsabilidades (e, desde logo, a quedarse sen primas, bonus e premios de xubilación). Pero agora a entrada de recursos públicos ten que crear as condicións para que poida ser viable a entidade e polo tanto os novos accionistas maioritarios (todos nós) poidan vender cando, dentro de sete ou dez anos, o seu valor de mercado estea plenamente recuperado.
Dous apuntes finais. Non debemos permitir a introdución de deseños ideolóxicos tamén no sistema financeiro. A recentralización non é unha solución. Sumar Bankia con NGbanco e CaixaCatalunya fai máis complexa a solución e non responde á orixe dos problemas. As caixas vascas son as máis solventes –porque se centraron no seu territorio e adoptaron as pautas do negocio tradicional-. E o carácter público de algún banco comercial non debería asustarnos, se é transitorio e funciona sen vantaxes especiais.
Pero  tampouco o carácter rexional ou público son garantía en si mesmo de adecuado funcinamento. Os landerbanken rescatados en Alemania serían un exemplo máis. O reto é sempre ter un sistema regulatorio que inhiba os riscos excesivos, un esquema de supervisión eficiente e un sistema de incentivos adecuado para os que deben tomar as decisións nas entidades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario